GALICIA > Bitácora > cabarcos.gal

cabarcos.gal

4/12/2014

No ano 2006 constituíuse a Asociación PuntoGal, a cal tivo que agardar ata o ano 2012 para, finalmente, poder presentar a súa candidatura para solicitar un dominio para a lingua e a cultura galegas, non sendo ata o 15 de xuño de 2013 cando o ICANN aproba o dominio .gal. Mentres non chegou este momento, diversas entidades e particulares (entre os que me encontro) manifestamos a nosa adhesión á proposta de creación dun dominio propio para a nosa lingua e cultura.

Houbo que agardar ata este ano 2014 para poder ver as primeiras páxinas web creadas baixo o dominio .gal, sendo a primeira delas, precisamente, dominio.gal, que se presentou en maio. A partir de aí, presentáronse en xullo os primeiros nomes de dominio, un total de noventa e tres, baixo o .gal, dentro da fase de desenvolvemento do dominio denominada Pioneiros.

Á de dominios pioneiros seguiulle a fase de Lanzamento, formada polos programas Abrente e Carreira. Ao rematar esta fase, na que eu solicitei o rexistro do dominio cabarcos.gal, xa existían cerca de mil rexistros de dominios .gal.

E o día 2 de decembro chegouse á fase Aberta, na que toda a cidadanía, sen ningún tipo de restrición (fóra das propias da política de rexistro) pode xa solicitar o seu dominio. E, neste momento, só quero manifestar que desexo que sexan moitas as persoas e entidades que se adhiran á posibilidade de contar na internet cun dominio propio ligado á lingua e á cultura de Galicia.

Etiquetas: galicia dominio cabarcos

Comentarios

2014 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos