GALICIA > Bitácora > Lingua galega: unha solución de futuro

Lingua galega: unha solución de futuro

17/12/2014

O profesor David Mackenzie foi galardoado co Premio da Cultura Galega 2014, na modalidade de Lingua, polo seu labor como axente difusor da lingua, da literatura e da cultura de Galicia no mundo anglófono, que comezou nos anos 80 do pasado século. En 1994 converteuse no primeiro catedrático de Estudos Galegos no mundo anglófono, pola Universidade de Birmingham (Reino Unido), onde creou o Seminario de Estudos Galegos; e en 1997 fundou tamén o Centro Irlandés de Estudos Galegos no University College Cork. Igualmente, o mundo da tradución  do galego ao inglés viuse grandemente favorecido polo seu traballo de mecenado, impulso e tradución individual de autores galegos.

Hoxe refírome a el porque, tras coñecer os recentes datos do IGE sobre o coñecemento e uso do Galego, paréceme adecuado traer aquí a opinión sobre cal cre el que é a solución de futuro dunha lingua: a solución de futuro dunha lingua non é lexislar, debéndoselle prestar máis atención á parte oral e menos á norma, que é "abstracta".

Este profesor emérito, galardoado en 1994 co Pedrón de Honra, non dubida en mostrar a súa preocupación pola situación actual do galego e di que as políticas lingüísticas non son as adecuadas, xa que observa que o galego e o castelán non conviven en igualdade de condicións, a pesar do afán das autoridades en afirmar que isto é así.

Coas súas opinións, manifestadas nunha entrevista que lle fixo a Axencia EFE e que, entre outros medios, recolleu Galicia Confidencial, pódese estar máis ou menos de acordo. Pero, independentemento diso, eu traioas aquí porque me parece que paga a pena unha reflexión meditada sobre o que apunta.

Etiquetas: uso-do-galego

Comentarios

2014 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos